crítica da AS RAMONAS (Ana Cabaleiro, Galaxia)

Porxmeyre

19/12/2018

FICCIÓN SOBRE A VIDA

Título: As ramonas

Autora: Ana Cabaleiro

Editorial: Galaxia

Non é moi común, mais ás veces pasa. Un premio é concedico por unanimidade, neste caso o García Barros 2018. Iso significa que os cinco membr@s que habitualmente conforman o xurado está de acordo en que esa é a mellor novela de todas as presentadas. E hai que ter en conta esa sintonía de percepcións. É unha primeira garantía, aínda que despois todo dependa da calidade do resto de discursos optantes a ese premio. Neste caso de Ana Cabaleiro, de quen lembramos a voz sigular en Sapos e sereas que nos convidaba agardar novas entregas, é así. A un non lle cabe a menos dúbida de por que tod@s @s menbr@s do xurado coincidiron na positiva valoración dun título que, a priori, cando lemos, non semella prometer demasiado. Mais abonda comezar a ler a novela, porque esta é unha novela, a autora pasou da distancia breve á máis ampla da novela, abonda comezar a ler a novela para sentirse atraído pola proposta narrativa que se nos ofrece. Cal é esa proposta de incio? Pois sentar no mesmo automóbil a Mona, fotógrafa que perdeu todos os puntos do carné, con Ra Meixide, a amante do seu marido. Resulta lóxico agardar que, no universo fechado do habitáculo automobilístico, ten que establecerse unha relación ben particular. Como se encarga de confirmárnolo cada páxina que imos pasando desta que ten moito de road movie..

Porque as páxinas de As ramonas lense soas. O lector non ten que esforzarse para continuar a lectura senón que esta decorre coa sensación de que nesta historia de mulleres somos conducidos por unha man experta e atenta ao contar. Domina os tempos internos da narración, sabe cando acudir ao período curso e cando o que convén é o período demorado e longo, en función do interese que teña para o discurso o que está contando non se perde na ramallada da árbore narrativa e sabe cando non precisa máis ca unha ou unhas cantas palabras e cando debe ser fiel aos matices. Describe ben sen abusar do adxectivo… Seleccionar ben unha materia interesante para ser contada, e contala coa habelencia do ben contar é propio de narradores/narradoras experientes e con personalidade. Como aquí demostra Ana Cabaleiro, quen, aliás de todo isto, fai gala dun grande coñecemento dos lugares polos que transita a novela, o cal contribúe moito á pátina de verosimilitude que nos agarima a lectura. Dixemos que é unha novela de mulleres, porque son moitas as nulleres que nesta historia habitan, mulleres que dalgunha maneira poden responder ao nome de Ramona, baixo a forma de hipocorísticos ou similares. E tamén homes, tamén hai homes, que saen mellor ou máis mal parados mais que nunca nos fan sospeitar que haxa un interese claro en que sexan figuras negativas. Porque sexa unha novela de mulleres, feminina, non ten que ser unha novela feminista. Senón que quere ser e é unha novela realista, unha novela que conte a realidade da vida das mulleres, mulleres con intereses artísticos como Mona, ou mulleres cuxo único interese é sobrevivir a un tempo que precariza mesmo aquelas que teñen estudos superiores, mulleres con intereses políticos, como Ra Meixide, nais, avoas…mulleres que foron vencendo ao tempo a forza de mañá seguir sendo elas nos tempos de penuria social e económica.

Finalmente, a historia que se nos conta abísmase á realización vital a través da arte. Mona, aquela artista prometedora, consegue reivindicarse malia as dificultades que foi atopando, nunha terceira parte da novela na que, fronte ás outras dúas, Mona non ten outro interlocutor que non sexa ela mesma. Nas dúas primeiras partes Mona viaxa por unha xeografía que autora coñece ben, desde o nativo Saídres, en dirección Compostela, en dirección Lalín, en dirección A Estrada, ou en dirección Vila de Cruces, Silleda, Mona vai atopando unha serie de condutores ou condutoras que lle permitan a mobilidade necesaria a quen non ten puntos no carné. Mais a terceira parte, que transcorre por terras fóra das fronteiras galegas, recupera o carné e a novela devén un diálogo entre a propia Mona e os seus intereses artísticos.

Que non, aquí non hai ningún crime do que achar o culpábel, aquí non hai ningún misterio que resolver. Ningún deses temas estereotipados que tanto se utilizan para crear tensión, interese lector en quen ten o libro entre as mans. Trátandose, como se trata, dun bon narrador ou dunha boa narradora, o tema resulta bastante intrascendente porque a súa mestría é suficiente para engaiolarnos. As ramonas é un bo exemplo, o tema é a vida, iso que pasa diante de nós cando abrimos os ollos. Como se vive actualmente nun interior cada vez máis avellentado que se resiste a morrer, a onde se volve frecuentemente despois de pasar a semana na cidade. Tamén como se viviu, as expectativas xeradas a redor dunha vía de tren que trouxo traballo e mortos. E a arte como método de realización persoal.

Ana Cabaleiro é a terceira muller en figurar na nómina d@s premiad@s co García Barros, e van alá trinta edicións. Moi pouco mais que vén constatar a eclosión de narradoras que estamos vivindo. A primeira foi María Gándara con Magog, era o ano 1997 e sorprendía que unha muller se fixera cun dos máis importantes premios en lingua galega. Unha María Gándara da que non se volveu saber nada. Non con ese nóme, mais sospeitamos que se trataba dun pseudónimo e baixo o nome Lola Gándara si achamos máis información aquí  e aquí . Despois, no 2013, Anxos Sumai achegou o seu nome coa celebrada A lúa da colleita . Agardámoslle igual fortuna a esta As ramonas de Ana Cabaleiro, unha novela sobre as mulleres (abondas hai na novela) e sobre a muller, porque todas son unha, na mesma loita ( aínda que non o recoñezan) mais en estadios diferentes, porque tamén é un arte-facto literario e coma tal explora, sitúa, inquire.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

2 comentarios en “crítica da AS RAMONAS (Ana Cabaleiro, Galaxia)”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido