aproximación a A MONSTRUOSIDADE MODERNA (Carlos Lema, Euseino?)

Porxmeyre

10/12/2019

 APROXIMACIÓNA MONSTRUOSIDADE MODERNA OU O ESPELLO Á FRONTE

Título: A monstruosidade moderna

Autor: Carlos Lema

Editorial: Euseino?

Repensarse é condición sine qua non para vivir. Queremos dicir para vivir con consciencia do que iso significa, e non como espectador pasivo e se cadra apesarado porque a realidade non leve outra perspectiva de futuro. Neste senso, os libros de Carlos Lema representa unha moi valiosa pedra de toque. E dicimos os de Carlos Lema porque hoxe imos falar do seu último libro e el é un moi bo exemplo, mais cómpre facelo extensivo a Isaac Rubín, a Rebeca Baceitredo, por exemplo, e moi concretamente a esa plataforma desde a cal a filosofía se manifesta no agro do sistema cultural galego: a fundación Euseino?

                     A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.

                     E quero dicir tamén, antes de comezar coa análise do libro, que as reflexións que aquí se verquen sobre o artista ( o escritor entra aí) moderno me parecen de moita utilidade ou conveniencia desde a pura actualidade. Porque, se Carlos Lema reflexiona sobre un tempo que vai desde 1700 a 1900 ( no que se manifestan Johan Christian Friedreich Hölderlin, Ludwig van Beethoven, Emily Jane Brontë, Emily Elizaberh Dickinson, Vincent Willem van Gog e Friederich Wilhem Nietzsche), ese é un tempo no que  os medios de comunicación, os mass media, pouca repercusión tiveron (cando existiron), o cal se asemella aos tempos que vivimos, onde perderon moi boa parte do seu prestixio e credibilidade e cada día esta perda é maís grande, de xeito que o artista (e tamén o escritor) é instancia clave na mediación entre a realidade e o suxeito. Outra cousa é que, hoxe en día, ese papel que nalgún tempo (non hai máis que ir ao XX) xogaron os creadores tamén estea moi cuestionado ou mesmo a vida se faga de costas a eles; ou que na actualidade o papel de creador/creadora xa sexa aplicábel a calquera que, nos actuais medios de comuncicación e representación (internet, sobre todo), se decida a facer ou participar do que chamamos arte.

                     Iluso? Exceso de optimismmo pola miña parte? Prefiro iso a ser derrotista, ou conformista.

                     O espello á fronte. Estas reflexións, de non facelas agora Carlos Lema, habería que facelas dentro de 5, 10 ou 20 anos, sen dúbida.

……………………………………………………………………………………………………………………………………………………..

                     “A renovación do mundo consiste, realmente, na renovación da súa representación” (46). Esa representación resulta fundamental porque é a través da cal se dá a coñecer o mundo a quen aínda non o coñece. A coñecer ou a re-coñecer. E esa representación provén da subxectividade, segundo Kant, sibxectividade que se impón á obxectividade E esa “creación (representación) é verdade porque o suxeito é a única maneira de acceder ao mundo” (48) segundo Goethe. De aí non é moito treito o que hai que percorrer para concluír que “a xenialidade é unha pragmática da subxectividade” (48). Fagamos un alto; hai moito tempo que nunguén falaba da xenialidade, realmente parecía un concepto xa esquecido, cando precisamente nela reside a capacidade para xerar representacións/creacións que acaden o concepto de sublime, que non sexan pura imitación ou reafirmación doutras representacións/creacións xa existentes, unha maneira de superar o universal como repetición, Deste xeito, “ a arte só é posíbel como produción do xenio” (37) segundo Kant. Previamente xa se falara do paso “da moralidade á ética” que é a modificación moderna establecida polo suxeito” (32), e nese paso da moralidade o artista moderno é quen provoca a reflexión dos seres humanos. Dos suxeitos. Pois xustamente “a Idade Moderna diferénciase das épocas anteriores en que a súa legalidade social e cultural está baseada nun consensus inicial elaborado a partir da noción de suxeito” (28). Suxeitos. Xenialidade. Subxectividade, Obra de arte. Representación. Representación : realidade, que non é o mesmo que realidade ideal aínda que esta sexa operada polo suxeito, entendemos, pois na correlación mundo-pensamento aparecen as nocións de liberdade e disenso. Liberdade creadora. Disenso como oposto ao consensus, que resultan útiles e complementarios na Aubhebung (Hegel, xeralmente traducido como superación). Eis que a linguaxe do suxeito que pensa sexa a linguaxe da representación artística, que se convertirà en cousa cando perda a súa calidade estética. Mais a arte é disenso, disenso como cousa. Desde aí, Carlos Lema ofrécenos un adianto do que será “ o contrafío das mulleres”, ou como estas acceden á súa emancipación mediante a creación, o que as sitúa en pelna tradición moderna, onde a creación ex novo resulta fundamental.

                     Sendo o logos fundamental na creación, a partír de aí estuda a relación entre el e a loucura, tendo a razón como límite e exclusión ou como posibilidade de ampliación da linguaxe humana, sendo que a louvanza da loucura acaba por constituírse algo propio da literatura da Idade Moderna. Igual que o pensar filosófico debe arredarse desa loucura, esa esgazadura. “Dese xeito, a rresponsabilidade de determinar a verdade queda nas mans daqueles que non dubidan da súa propia certeza e non deixan que lles impoñan outra” (76). Mais a loucura, ese desafío, non se pode tratar dela se se prescinde do lógos, porque esta carece de senso, carce de lógos. E existir (segundo Gabriel) é aprecer nun campo de senso e (tamén seguindo a Gabriel) a obxectividade dos campos de senso é resultado do disenso entre eles. Finalmente recapitúlase todo o anterior tendo en conta que xa é o suxeito ( e non unha sociedade estamental), o cidadán, o artista, o que coa súa actividade dá pé a falar da Estética como parte da filosofía. O artista, o obxecto artístico como medio para achegarse á pragma, ao dominio do pragmático. O Obxecto artístico, emancipado de principio de razón mais non da razón mesma. Establécense despois  cinco teses sobre a representación do suxeito.

                     “O suxeito libre -por iso é un montro- é o artista moderno” (106). Porén hai que ter en conta que o obxecto artítico (un poema) non se esgota no acto da súa escritura e adquire entidade de seu, independizándose do suxeito queo escribiu. Establecémdose un disenso entre a “subxectividade” como senso que o autor outorga á arte e o senso que a arte ten como obxecto en si.

                     “ É equivocación dos artistas actuais pensar (…) que a súa forma de representación é “propia”, cando, pola contra, o consenso moderno sobre o suxeito é unha extrapolación da personalidade do artista a toda a sociedade, a todos os suxeitos” (111) De xeito que a xustiza está directamente relacionada xa non coa capacidade de sermos libre senón tamén coa de representarse como tales. O poder do artista. O poder da representación. Téñase en conta, porén que o artista se aliena na cousa producida, no  obxecto artístico. De xeito que resulta máis interesantre a arte como obxecto que o propio artista moderno. “ A política da beleza sempre se acabou por manifrestar como a política do sublime” (117). Sublime, igual que a xenialidade, había ben tempo que non se oía falar dela. Só falta a orixinalidade, tempo ao tempo, ha chegar.

                     A seguir fíxase Carlos Lema na reprresentación, en canto esta ten que ver coa liberdade e co aigualdade, pois as relacións establécense mediante as representacións. E despois na noción de situación, que indica unha posición no mundo. Mais para a correlación humano-mundo volve ser fundamental a representación. E antes de fixarse no homo faber dedica un espazo á presenza, os obxectos e o amor.”Ignorar a poeta, lero o poema (133). E tamén á nocón de vida.

                     A segunda parte ábrese coas “Vinte e unha teses sobre a poesía como representación” e dá entrada á Querelle des Anciens et des Moderns, fulcral, á cal se recorrerá en varias ocasións, pois non en van estamos vivindo un cambio de situación na concepción da vida,e , por suposto, da arte. Aquí, tamén acha un oco para reflexionar sobre a poesía e a infancia, pois a poesía non deixa de ser unha produción de subxectividade, a función da arte moderna, e converterse na maior arma do subxectalismo. Mais, como introspección que é, tamén é o camiño para chegar á alma, á vez que se significa como disenso.

                      E chega entón outro capítulo fundamental: “ As fadas modernas. Primeiras autoras, infancia e literatura”, un xusto e oportuno recoñecemento ás mulleres como autoras e como motor da consolidación da novela. Un mome fundamental: Madame d´Aulnoy, que en 1690 publica o primeiro conto de fadas. Será a primeira dunha considerábel (tamén por inagardada) nómina de autoras que se prodigan nos salóns da derradeira década do XVII. Précenos fundamental este recoñecemento ao papel da muller na construción dun novo xénero, a novela, aínda que sexa desde “ a concesión” (salientado noso) masculina ao estas inserírense na incorporación da tradicón oral na literatura escrita, ou que o fagan desde que se deu en chanar “literatura preciosista” (salientado noso) ou do sentimento. Xorden nomes como Madame de Villedieu, Mademoiselle (Madeleine) de Scudéry, e despois  (Anne de)La Roche-Guilhen, (Catherine) Bernard, (Charlotte-Rose de) Caumont de la Force, Durand, (Henriette-Julie de Castelnau, condesa de) Murat, Auneuil, Mademoiselle de Lhéritier de Villandon, Marie-Catherine Le Jumel de Barneville. Nomes a lembrar, nomes a reivindicar, nomes que propoñen unha retórica que cuestiona o modelo dominante do clasicismo, esvaecendo os lindes da literatura escrita ata entón. E aínda hai outtra palabra máis,verosemellanza, vraisemblance, que canda a bienseánce aparecen na Francia do XVII. Desde aí Carlos Lema lévanos ao mundo do teatro, que viña sendo codificado polo seguimento das tres famosas unidades, que os contos de fada contradín. Que a retórica das mulleres se vexa confinada ao mundo do fabuloso ( no ámbito privado ou doméstico) non vai impedir que elas lle dean entrada á literatura pagá, enriquecendo aínda máis o panorama literario. Por suposto que haberá reacción (“mundo” pastoril, ideal clásico) que evite o perigo dunha regresión “ao prerracional, ao intuitivo e sentimental” (187) onde ficarán confinadas sen que hoxe se poida asegurar con certeza que esa condena rematou. E iso que estas autoras de contos de fadas aceptaron as regras do decoro impostas polas “preciosistas” do amor sentimental. Un amor sentimental que non tardará en ser un pacto entre individuos  e non un acordo entre familias. E, aínda contravindo a Razón, as mulleres escritoras entran na Idade Moderna como cidadás con voz e poder, abeiradas ao uso da palabra.

                     N´”O contrafío das mulleres” anlízase o papel destas mulleres escritoras, sen esquecer o papel de lectoras. Aquí quero facer un alto: a reforma protestante permitiu o acceso ás escrituras biblícas tamén da muller, pero este acceso privado de lectura individual e non dirixida rematará por conformar unha revolución lectora ( a lectura para si, non en voz alta) que aquí non chegaría deica o século XX. O saber feminino é fundamental, e nunca exento de polémica e imparábel. E nunca deixaron de ter que amosarse desafiantes co status do momento, como ben lembra Carlos Lema, Madeleine de Scudéry e Cristina de Suecia (unha das protagonistas da Herba moura de Teresa Moure) foron dúas desas mulleres valorosas. E tamén haberá lugar para Charlotte e Emily Brontë, para George Eliot, Emily Dickinson ou a nosa Rosalía de Castro ( “A obra de Rosalía de Castro é a representación da liberdade das mulleres” (224)). Posteriormente entramos no eido da política, pois na modernidade os discursos, os significado, convértense na maneira de irradir e compatrir poder. Seguimos co lógos como  centro, e a representación, co dereito  á desigualdade e á singularidade ademais dun repaso aos “res poderes”, sen esquecer o papel do cristianismo e o consumo ostentoso (tan dos nosos días). Deténdose tamén no “empoderamento”, tanto no eido das actividades económicas como no que representa para a muller nun espazo civil qu enin é comunitario nin intercomunitario senón acomunitario, por ser espazo resrvado á sinfularidade.

                     Finalmente conclúese que, na tardomodernidade a política se formaliza como produción e consumo de poder por parte dos suxeitos. Antes analizouse a obra de arte como representación, o artista como produtor, agora conclúese con algo que é fundamental nos nosos días: a (política como) consunción.

……………………………………………………………………………………………………………………………………………………….

                     Ao longo desta demorada aproximación a A monstruosidade moderna, tivemos ocasión de reparar en conceptos que había tempo que non xurdían no discurso  literario, aínda máis: no discurso crítico da literatura. Conceptos tales como “xenialidade”, “sublime”, “orixinalidade”, ao que hai que engadir a “verosemellanza”. Conceptos clave ao falar de literatuta, que parecían esquecidos e que representan o mellor que a obra de arte nos pode ofrecer. Ao que hai que engadir esoutro concepto fundamental: a monstruosidade, que xorde cando calquera individuo se erixe en produtor (fíxense que non digo creador) de arte ademais de consumidor.

                     Por non falar da importancia que ten a análise da muller como creadora e como partícipe no nacemento e consolidación dese novo xénero que é a novela.

                     Unha análise destas características era necesaria. Que sexa útil dependerá de todos nós, dos lectores e dos mediadores sociais do libro. En que saibamos facer ecoar/interpretar esa monstruosidade.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

4 comentarios en “aproximación a A MONSTRUOSIDADE MODERNA (Carlos Lema, Euseino?)”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content