a propósito de O OBXECTO MULLER E O XIRO ONTOLÓXICO, de Inma Otero Varela, en Euseino?

Porxmeyre

08/02/2022

 A MULLER, VISTA DESDE AS NOVAS PROPOSTAS FILOSÓFICAS

Título: O obxecto muller e o xiro ontolóxico

Autora: Inma Otero Varela

Editorial. Euseino?

De entre as achegas que Euseino? vén facendo de cara a normalizar o discurso filosófico na nosa lingua, sobre todo desde as novas propostas actualizadoras do realismo especulativo, esta de Inma Varela Otero é, sen dúbida, unha desas que pola súa oportunidade e necesidade dela debe ter un impacto cultural e social moi fondo. Explicámonos. Se o feminismo se vén preguntando desde os seus albores que significa ser muller e  revisando o discurso filosófico na procura de reivindicar a súa voz “esquecida”, neste título que hoxe comentamos, Inma Varela propón unha indgación no que siginifica ser muller, e faino tanto desde o feito de que ela é muller e polo tanto séntese atinxida pola fenomenoloxía que a rodea…como desde a actualidade da anovación filosófica que representa o realismo especulativo. Permítanme que lles reproduza o inicio:

“Este eu penso que escribe, un eu penso que documentaron ao nacer como muller e que despois criaron como tal, non en función das decisións tomadas por unha subxectividade, a miña, , que aínda non pensaba por no ter desenvolvida a capacidade de razoar, senón en función dos preceptos impresos na realidade en canto ao xénero, leva tempo a cavilar que ten de suxeito e que ten de obxecto. En primeiro lugar e de maneira xenérica, ¿que ten de axente cognitivo e que de elemento susceptible de ser coñecido en canto a ser humano? E, en segundo, como lle afecta o feito de tratarse dun ser humano muller.”

            Para cumprir este horizonte de expectativas, Inma Otero bota man das novas propostas de Maurizio Ferraris (a quen traducira xa con anterioridade para a mesma editora), é dicir das máis actuais propostas que na fiolosofía europea se fan e camiñan da nova ontoloxía que supón o realismo especulativo (Ferraris é unha das súas voces máis autorizadas), en primeiro lugar,e despois complementándoas coas do pluralismo ontolóxico de Makus Gabriel. Dúas teorías que, vistas xuntas, lle serven para complementarse no obxectivo de “describir o obxecto social muller, que é e onde é”(16).

            Ferraris, partindo dunha crítica á epistemoloxía de Nietzsche e Derrida, establece a existencia de tres tipos de obxectos. Os obxectos naturais (existen independentemente da percepción do suxeito), os obxectos sociais (dependen da percepción dos suxeitos) e os obxectos ideais( exitentes fóra das coordenadas espazotemporais). Eles conforman a realidade, onde se integra o ser humano desde unha posición sintagmática e non paradigmática. En canto ao ser humano como obxecto saliéntase que é unha construción e non unha decostrución, que nel ten un papel relevante a memoria como soporte dos rexistros humanos, e tamén conta cunha dimensión moral. Precisamente Inma Otero defenderá que o ser humano muller é un obxecto social e non natural.

            Pola súa banda Markus Gabriel achega que “todos os obxectos existen dentro dun ámbito específico” (43), e de aí nace o pluralismo ontolóxico dos campos de senso nos que se existe. E se Ferraris falaba de obxectos cómpre sinalar que estes e os campos de senso necesítanse “porque fóra dos campos de senso os obxectos non existen” (46)

            Unha vez exposto isto, é desde aí desde onde se pregunta a autora. “onde ser muller?”, sendo consciente de que ningún dos dous filósofos ofrece resposta a como se cataloga o xénero “dentro do grande inventario ontolóxico que debería facer a fiolosofía” (56-57); sendo consciente de que existen diferenzas segundo  se catalogue, inscriba socialmente ou documente, un ser humano como muller ou como home. Visto o cal Inma Otero defendera que o obxecto muller ten de seu unha categoría ontolóxica e non só epistemolóxica, dito con outras palabras: que a muller existe como obxecto independente dos discursos sociais que a caracterizan. Platón pódese dicir que xa defendera unha ontoloxía, porén o problema ontolóxico para o obxecto muller como obxecto natural radica en saber se o xénero é unha inscrición natural ou social, pois o obxecto humano éo en por si indistintamente do xénero con que se catalogue. O cal quere dicir que Ferraris defende a existencia do obxectos “como localización totalizante” (64) mentres que para Gabriel só existirían dentro dun campo de senso. Porén, defende Inma Otero que o xénero é tamén un campo de senso, diagrama os campos de senso de xénero, diferenciando  os campos de senso de xénero en comunidades cun sistema binario- logo verase que o sistema binario, tampouco é a única realidade existente, de momento demostra con clareza ( a clareza expositiva deriva dunha clareza de razoamento que, ambas e dúas son moi notábeis nesta lectura) que ser muller é selo no campo de senso do xénero, non no da especie humana como especie natural, existencia que non é nin subxectiva nin relativa. Á vez hai que ter en conta que o campo de senso xénero tampouco é ríxido, algo que se analizará no seguinte capítulo, un campo de senso que non deixa de ser unha inscrición social que, como tal, cataloga a partir dunha determinación cromosómica, convención social que, xa dixemos, non se axusta á realidade. Nisto, bota man de Anne Fausto-Sterling, que distingue cinco categorías sexuais, de xeito que se conclúe que esta non é a única propiedade pola que se  se distinguen os obxectos no campo de senso do xénero. E pasará a analizar as propiedades do obxecto muller, onde é fundamental a arquiescritura mais non únicamente, pois hai aplicación Web que chegan a distinguir 37 categorías e no só dúas, por sinal, mais todas estas valoracións forman parte da interpretación  e non da ontoloxía. Rematará o capítulo analizando as  propiedades documentais, absolutamente importantes nunha sociedade burócrata onde mesmo o sexo se vai burocratizando.  No seguinte capítulo fíxase xustamente nas regras de ordenación do campo de senso do xénero, partindo da “imprescibdíbel” propiedade documental, insistindo na tese que defende no libro, o ser humano, muller ou home, é un ser ontolóxico cunhas propiedades específicas que non dependen “da vontade do eu pensó” (112). Mais, como obxecto institucional, o campo de xénero do sexo pode ser enmendábel ou non? Aí aparecen diferenzas entre Ferraris e Gabriel, mentres o italiano defende que si son enmendábeis, Gabriel prescinde da enmendabilidade. A existencia de inscricións non binarias (sueste asiático, Alemaña ou Cananadá) chocan contra a documentación burócarata binaria e indican cara á enmendabilidade, polo cal se ve que as inscricións son mutábeis.

            O  obxecto muller existe, é en por si. Igual ca calquera outro obxecto, desde a teoría de Ferraris. E existe dentro de múltiples campos de censo (Gabriel), entre eles o do sexo. Onde a documentalidade binaria nin é a única nin pode reflectir a realidade social. Imos resumindo porque se achega o remate, a conclusión. E se a muller existe como un obxecto máis, tamén á muller obxecto lle acontece omesmo, para o cal critica as tentaivas que loitan pola igualdade desde o marco epistemolóxico, desde onde se crean suxeitos e non se cuestiona a realidade en si, admitindo unha subordinación entre suxeito e mundo. Desde este punto de vista, a muller obxecto existe como obxecto mais nun campo de senso diferente do xénero. Pois entre os obxectos existentes non se dá ninguna relación de subordinación. Ese novo campo de senso, aínda non tratado, é o do patriarcado.

            Do exposto extráese un xiro radical na interpretación da realidade chamada muller. Demostrouse como aparece, como se xera o obxecto, a realidade, muller desde a ontoloxía, en lugar da epistemoloxía que deica agora veu dominando os estudos sobre a muller. E os factores sociais, psicolóxicos, xenéricos, sexuais onde a epistemoloxía adoitaba poñer o albo, non é o que desaparezan senón que agora serán considerados campos de senso. Velaí o xiro ontolóxico que se anuncia no título. Este xiro, exposto e demostrado con clareza mesmo para profan@s ou para quen non está familiarizad@ co discurso filosófico, ten unha importancia que se nos antolla capital, ao liberar a muller como obxecto (non hai subordinación entre obxectos) e establecer un novo marco desde o cal estudar as desigualdades sociais entre xéneros, que seguen existindo. É dicir, o libro de Inma Varela supón un “até aquí chegamos nos estudos epistemolóxicos sobre a muller” e un “desde aquí partimos no estudo ontolóxico da muller”.

Case nada.

E velaí queda tamén un título do cal que non quero rematar sen salientar a súa capacidade de empatía lectora.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «a propósito de O OBXECTO MULLER E O XIRO ONTOLÓXICO, de Inma Otero Varela, en Euseino?»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido