a propósito de NACIÓN MAR, de Xosé Iglesias, en Bululú

Porxmeyre

22/09/2021

MAR, BARCO, VIDA

Título: Nación Mar

Autor: Xosé Iglesias

Editorial: Bululú

Hai moita xente que di: “eu non vivo sen o mar”. Hai moita, moita xente para a cal o mar e sínónimo de vacacións. E xa queda menos, moita menos xente para a cal o mar é o medio de vida, cústame traballo non mentar os culpábeis de que Galiza pasara de ser unha potencial mundial na actividade pesqueira a ser o que é hoxe, cústame mais este é un espazo sobre libros e do libro de Xosé Iglesias teño que falar. Para os terrícolas, o mar ben pode ser o que antes describín. Porén, para quen vive o mar, para quen traballa o mar, a vida no barco é case unha relixión, unha experiencia que marca tanto que os descansos nas recaladas se volven case un inferno, case máis castigo que descanso, e os mariñeiros de raza non ven o día de volver cabalgar as augas. Como ben dicía Steffen Mörling, “Galiza será periferia, mais é o centro do mar”. Stteffen Mörling, o sueco que veu ensinarnos a enorme riqueza que atosoura Galiza no referente a diversidade e tipos de barcos tradicionais, a riqueza, finalmente, da vida do mar. O desaparecido Steffen, hai pouco máis dun ano, ben merece esta lembranza a´hora escribir sobre un libro que precisamente ten com obxectivo poñer de relevo toda esa riqueza. Certamente, non se ocupa de todo o litoral galego, senón máis ben se centra na Costa da Morte,  aínda que haxa referencias a outros lugares, galegos e non galegos. Non se ocupa de todo o litoral, tamén porque se o fixera sería unha obra absolutamente ciclópea…

                     Explícome, o de Xosé Igñesias, poeta e mariñeiro é un libro composto por textos referentes a barcos e ilustracións de cada un que teñen en común salientar os parecidos entre as construcións para navegar e os grandes cetáceos. Se temos en conta que as ilustracións (tamén obra do propio Xosé Iglesias) lle ocuparin cada unha, entendo que a de cada barco (que non é unha senón varias e mesmo ocupan máis espazo que os textos), lle viñerinlevando entre 25 e 30 horas, segundo lemos nunha entrevista con motivo da súa presentación na Feira do Libro coruñesa, pois ben imaxinarán porque dicimos que se se chega a ocupar de todo  o litoral sería unha obra absolutamente ciclópea.

                     Do dito despréndese que Nación Mar  é un álbum ilustrado, un libro obxecto que ten moi coidada a parte estética, pois as ilustracións son, sinxelamente, preciosas, mais dos seus textos tamén se extrae por un lado a denucia do abandono en que sobrevive todo este legado que en calquera outro lugar do planeta sería recoñecido de valor incalculábel. Mais non aquí, na Galiza, onde a Xunta se dedica destruír e non a amparar esta riqueza cultural, porque é o que fai con toda expresión cultural propia, servindo os intereses do Partido Popular, desde PP que odia todo o autóctono. E hai dolor, tamén hai dolor nesta denuncia implícita. Dolor por culpa do abandono, e tamén dolor pola perda dun tipo de vida que cos anos vai indo a menos.

                     De resultas, o vocabulario mariñeiro eríxese noutra das partes importantes do libro, mais non teñan medo os terrícolas impenitentes pois non dificulta a lectura.

                     De resultas, este Nación Mar, convértese nun libro insubstituíbel. Un libro deses que tod@s queremos ter para, de cando en vez, regalar os ollos, a memoria e a conciencia humana abríndoo por calquera páxina, pois admite lecturas que non teñen porque condensarse nunha ou dúas sesións lectoras. Sen que se perda nada do seu contido, follear nel é unha delicia, unha delicia ademais das necesarias, das imprescindíbeis.

Xurxo Souto abre o libro. Manuel Rivas péchao.

                     Dito queda. Non o esquezan.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido