AMARSE EN SI OU A POESÍA PURA
Título: E o sol era Ela
Autota: Medos Romero
Editorial. Xunta de Galicia & Centro Pen& Afudación
Así, sen máis preliminares e de primeiras, o estado de axitación interior en que as diferentes lecturas me deixaron obrígame a comezar confesándolles que este título Medo Romero, co que gañou o Premio Afundacón 2021, é un dos que máis me abalaron por dentro e máis me impresionaron de cantos lin nos últimos anos, se cadra na última década. A seguir vou tratar de explicarlles as razóns.
O pomario comeza así.
Como vou amarme en alegría
se ninguén me deprendeu a iso,
se non recordo a túa man serena
bendicíndome e dándome
permiso para medrar e serme?
A dureza do estrañamento pola falta de amor, pola falta de amor a si mesma, de si a si mesma, bate en min como a máis pesada lousa que calquera poida imaxinar. Porque se unha (ou un) non se ama si mesma ( ou mesmo), quen a/o vai amar mellor? O exilio do amor por si mesma, de entrada, introdúcenos no árido mundo do non-afecto, do desfecto, dunha maneira tan brutal que só a expresión poética máis limpa e natural consegue. Véxase que en todo o poema non hai unha palabra de máis, ningún adxectivo ou cualificación ou calquera outra impresión en negro sobre o branco papel, que pexe ou entorpeza o limpo e natural fluír desa queixa, desa pregunta que expón o eu poético á máis dura, pétrea, realidade que un poida imaxinar, a carencia de amor por unha mesma. Esa expresión tan natural e limpa vaise xeneralizar no resto do poemario que nos queda por ler. E creo que non existe mellor maneira de definir a poesía de Medos Romero que a que posibilitan estas dúas palabras, expresión natural e limpa. Natural, porque Medos Romero non precisa botar man das figuras retóricas, e tantas son, que o xénero poético pon ao seu dispor. Afirmo isto a sabendas de que algunha si hai, como por exemplo o contraste, porén esa(s) situación(s) aparecen porque son lóxicas á hora da decodificación, da lectura, pertencen ao plano do contido e non do formal, e tamén as que teñen que ver co ritmo, co tan coidado ritmo expositivo. E limpa, porque como xa adiantei esa naturalidade esmerilada leva a que os versos flúan sen nada que empeza, que entorpeza a súa expresión. De resultas cabería pensar que despois destas dúas cualidades, a lóxica conduciríanos a pensar en algo semellante ou parecido á sinceridade, porén nunca cuestionei nin cuestinarei que as autorías poéticas sempre son sinceras, inclusive son sinceras a pesar do famoso finximento propio das voces poéticas que precisan desdobrarse para desde a distancia obter unha panorámica que axude na introspección, na explicación do sentir ou ser. Tamén lles digo que no poemario de Medos Romero si existe esa distancia panorámica, porque a dá o propio paso do tempo; este non é un poemario iniciático, é un poemario de madurez, só desde ela é posibel imaxinar textos coas dúas cualidades antes mentadas.
Tamén de resultas, ou en consecuencia, a un aparéceselle nas mentes a poesía pura, esa poesía que procura esencialidade da palabra. O contido temático é tan urexente, vitalmente tan duro e importante que son a naturalidade e limpeza expresivas as que fan salientar e significar na extrema severidade e rigorisidade que en cada poema que leo sinto a pesada lousa sobre min, a pesada lousa dunha realidade incontestábel: edúcasenos para todo, agás para amarnos unha a unha mesma ou un a un mesmo. Non hai volta de folla. Sendo, por demais, momento para indicar que, aínda que pareza incríbel, o plantexamento temático da autora d´As Pontes cabe distinguilo como orixinal. Si, orixinal ou pouco frecuente, se o prefiren.
Ela, a voz poética da muller exposta na máis terrible das soidades, entre o seu universo interior e o cosmos. Indefensa, inerme: exposta. Cada poema é un berro, estou tentado de dicir, mais o berro é consubstancial coa urxencia, e cunha desesperación tantas veces súpeta e a-reflexiva, e aquí non, cada poema é un exercicio reflexivo que tampouco quero confundir coa queixa porque a queixa leva moitas veces apegada certa resignación, e aquí cada poema é unha denuncia, unha denuncia que sobrecolle por esa dor tan fonda transmitida de xeito tan natural e limpo. Esa voz exenta dos paraísos da infancia (as nenas non preguntan, sofren sen maís)(23) e, sobre todo, da ausencia de mans que a agarimen no proceso de serse en si mesma, de xeito que sente o desenraizamento como esencia definitoria onde contrasta o amor que sente pola nai (venerándote de xeito enfermizo ) ( 27), ela, desamparada e perdida no bosque, desamparada e perdida no bosque da vida, ese labirinto, esa soidade existencial tan rosalaina (sei que me chaman a tola) se se quer, mais aquí as referencias intraliterarias son o de menos. Si, ela, a muller exposta, desenraizada, expulsada ao mundo, inoculada do veleno do desamor, mais aínda así solidaria ( Que sabedes vós das mulleres de meu (…)?) (33) a pesar do abatemento profundo…Nestas, só a comuñón coa natureza lle serve de algunha axuda, único amparo para quen nace co selo tráxico dos tristes (39), en permanente agonía e desasoego, consciente da ablación cerebral (41), de que non poderá deter os ímpetos dos cabalos que a posúen e se reviran nela, sometida ao caos, castigada por ser muller do bosque, golpeada coa meirande brutalidade, a do desamparo absoluto, non me queda por quen chamar / tralos corredores da distancia (40)
Esa soidade, esa doenza do desamor como condena, obrigádesme a respirar, a sentir (55), onde se activa un amor que non existe (…) (56) , chamando por quen non está, por quen non escoita, por quen non agarima.
Co meu corazón rachado,
exhausta, sempre caio nos brazos
da túa ausencia. A nena que sempre
preguntaba: Agora de quen son eu?
A onde pertenzo sen medida? (48)
Esa conciencia de ser un corpo inerte (60), a negación rotunda de min mesma na doenza implícita /de ser a esquecida sempre (62), á que o abandono se lle transforma en loucura, para sentirse humana e viva só na natureza, na árbore acha identificación posíbel e única forma de ser ao fin salvaxemente humana.
Só resta dicir que este enorme poemario vén prologado por outra enorme poeta, Eva Veiga, quen establece as coordenadas en que se manifesta o eu poético de Medos Romero, no punto axial do paradoxo, entre a carencia e o desexo, veleno e antídoto, descenso e subida, morte e nacemento, como se le na contracapa.
ASDO.: Xosé M. Eyré
Non teño palabras para agradecer tan atinado e xeneroso artigo. Reconfórtame plenamente saberme entendida. Inmensas grazas.
Un pracer, Medos…
Non teño palabras para agradecer tan atinado e xeneroso artigo. Reconfórtame plenamente saberme entendida. Inmensas grazas.
Non teño palabras para agradecer tan atinado e xeneroso artigo. Reconfórtame plenamente saberme entendida. Inmensas grazas.