a propósito de APLICACIÓN INSTANTÁNEA, de Carlos Negro, en Xerais.

Porxmeyre

29/07/2020

UNHA HORA DE BOA LECTURA

Título: Aplicación instantánea

Autor. Carlos Negro

Editorial: Xerais

“Nunca tiven tristura que unha hora de lectura non dera apagado”. O aserto é de Montesquieu e, aínda que me agrada non o comparto totalmente porque unha hora paréceme pouco tempo para unha sesión lectora. En fin, isto vai en opinións e cada lectora ou lector ha ter as súas preferencias, que por suposto  son absolutamente válidas e pertinentes. A cousa é que, por casualidade, dei con esta citación do francés e iso moveume a procurar unha lectura que non ocupara máis dunha hora, ou que mesmo se poida facer en sesións lectoras moi curtas (opción non moi recomendábel mais que está aí, para encher ese tempiño de vagar que case sempre xorde entre que facemos isto e aquilo). E, na tentativa, atopei este título de Carlos Negro, que, como todo o que escribe parte dun espírito desenfadado e consegue que a lectura sexa divertida sen por iso deixar de ser profunda, pois toca temas realmente importantes e trascendentes. Faino dirixíndose especialmente a moz@s, tratando de adoptar un punto de vista próximo do deles e delas, cunha linguaxe moi actual que lles é familiar porque pertence ao seu tipo de lecer, e botando man de recursos pouco habituais ou pouco canónicos mais si relativos ao ámbito cultural lector.

                     E, si, estamos falando de poesía. Podería ser perfectamente teatro, que tamén proporciona lecturas intensas en sesións nada longas. Porén demos con este título de Carlos Negro e, de paso que comentamos o título en cuestión, queremos sinalar a importancia do de Lalín na anovación da linguaxe poética galega. Aspecto este, máis importante do que pode parecer, porque significa dúas cousas á vez: a existencia dunha conciencia lingüística actualísima e anovadora, e a existencia dun emisor/escritor que transmite mensaxes da máxima trsscendencia para moz@s (e non só polo uso dunha linguaxe que os aproxima; certo que iso é moi importante, mais tamén cómpre unha mentalidade moi aberta en conexión coa problemática LIX, cousa na que Carlos Negro é “único”).

                     Para comezar a describir o poemario, podemos indicar que nel existe unha sorte de “teatralización” que consiste en que, as catro partes de que consta o libro están “protagonizadas” por un “avatar” (en lugar de personaxe) diferente. Non é que haxa máis diálogo entre “avatares” que o que se pode adiviñar pola pertenza a un mesmo poemario, e tamén pola pertenza a un grupo social (adolescencia) con problemática específica e común. Realmente, Carlos Negro consegue crear catro personalidades distintas, catro personalidades que amosan personalidadees distintas nos poemas que lles corresponden. E iso é todo un mérito, todo un mérito.

                     Cada avatar comeza cunha breve autodescrición no que podería ser un texto das redes sociais, e así está concebido. A iso segue o primeiro poema, que sempre é un “selfie”, mais que aquí non atende ao aspecto físico senón a unha intrsopección explicativa da cada avatar. E, os distintos avatares, non só teñen en común comezar dunha maneira similar, senón que tamén os primeiros poemas teñen títulos comúns:”que é para ti un poema?”, “adolescencia”, “cal é a túa situación sentimental?…para despois cada avatar responder a un contido propio. Do dito, como mínimo, ten moito interese a reflexión sobre a escrita (poética) do primeiro poema, esas reflexións metapoéticas son moi importantes…pois sitúan cada avatar segundo a resposta á pregunta, unha pregunta onde subxace a presencia dunha voz poética superior e organizadora, algo asimilábel ao que se vén sendo chamado autor implícito.

                     A todo isto, Carlos Negro bota man do poema curto ( que pode chegar a ser un só verso) para expresar non só temática de interese para adolescentes, que o é, indubidalbelmente, mais tamén interesa moito a adultos. Porque tanto a adolescentes como adultos fainos conscientes da diversidade de personalidades que hai entre eles, e iso axuda a ser máis comprensivos e entendernos/entendelos mellor. Aliás, tamén existen temáticas comúns, problemas que nos afectan a todos, e moito, como por exemplo o da lingua.

                     En definitiva, aquí teñen unha lectura que poden facer no espazo escaso dunha hora. Mesmo, se queren, poden ler os poemas de a pouquiño en pouquiño. Iso si, fagan como fagan, estean seguros de que sentirán a necesidade da relectura, diso non teñan ningunha dúbida.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content