AS ANDORIÑAS DE JOSÉ MONDELO
Título: O soño das andoriñas
Autor: José Mondelo
Editorial: Autoedición en Amazon
Con seguranza para moita xente o nome de José Mondelo pasa desapercibido, seguramente por non andar nos papeis con frecuencia e a súa obra non ser numerosa nin ter unha presenza constante no tempo. Porén para quen siga de cerca a evolución da narrativa galega contemporánea iso non será así, ao ser José Mondelo o primeiro autor e deixar un título senlleiro dentro do xénero da narrativa negra. Senlleiro e mesmo poderiamos dicir inaugural, pois a súa novela curta “O ollo pecho” (1989) constitúe a primeira achega de valor nun xénero deica entón moi pouco frecuentado, o cal lle garante un lugar de honra na historia da narrativa galega contemporánea.
Co título que nos ocupa regresa, case trinta anos despois, á novela negra nun discurso que xa non se pode cualificar como “novela curta” ao contar con máis de 200 páxinas aínda que garde certas similitudes con ela, pois o número de personaxes é reducido e tampouco amosa subtemas ou historias paralelas que distraian do enredo principal. E isto debe ser considerado como outra mostra de pericia narrativa, xa que aínda así o discurso nunca adoece de carencia de tensión mantendo a quen le apegado ás súas páxinas. Tanto é así que inclusive direi que forza unha segunda lectura ratificatoria na cal poder desfrutar outra vez desa escrita iconoclasta na que é capaz de caracterizar unha personase ( O Brodsky) cun moi particular idiolecto a través do cal as súas características mentais e mesmo a actitude vital fican perfectamente delimitadas.
O enredo non é complexo e nel teñen moito protagonismo os soños. Unha actriz de segunda fileira (Réisel) séntese maltratada pola vida, vexada polo destino desde o seu nacemento; cando ten xa unha idade decide vingarse non reparando nos actos e medios que lle cumpran, roubando e asasinando o empresario teatral ( o Brodsky) fuxindo co seu amante alcólico (Hugo) nunha noite de tormenta, tormenta que os leva a perderse e que o seu vello auto fique avariado; despois de pasar a noite no coche chegan á casa onde habita un mozo (Teo) acolledor e confiado xunto co seu tretrapléxico pai; a Réisel, que é unha muller astuta descobre que o mozo agocha moitos cartos e decide roubalos sen que nin ela nin o Hugo poidan denunciar un ao outro pois os dous cometeron senllos crimes.
É de salientar que cun enredo desas características a tensión narrativa nunca se perda, ao que contribúen os soños que teñen o poder simbólico da advertencia sen que quen le poida saber en que consiste deica o remate. Á súa vez, xa polo medio do discurso, quen le coñecerá en que consiste o soño das andoriñas e como este se pode aplicar ao comportamento tanto da Réisel como do Hugo.
E tamén é salientar o ritmo expositivo do enredo, así como o uso dunha linguaxe literaria moi rica en pormenores e que se afasta do simplismo verbal que vén caracterizando a moitas autorías actaulmente.
Dito isto ben se pode considerar, con xusteza, O soño das andoriñas como a mellor novela negra galega cando menos no que vai de século XXI.
ASDO: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)

