A PODEROSA FORZA DA MESTRÍA NARRATIVA

Título: 66

Autor: Xavier Queipo

Editorial: Xerais

Nesta altura, a un autor como Xavier Queipo, xa non cómpre presentalo, pois a súa longa traxectoria narrativa é ben coñecida. Raro será o lector ou lectora que non teña pousado os seus ollos nas páxinas dalgún dos títulos que até hoxe ten publicado. A calidade narrativa preside cada unha das súas achegas como un obxectivo irrenunciábel e plenamente conseguido. Discutir cal é a súa mellor obra vai en gustos e colores, porque tecnicamente falando só é posíbel o contraste entre as diversas estruturas narrativas. A narrativa de Xavier Queipo non encaixa nada ben nalgún dos subxéneros narrativos, a diferenza de autorías que se entregan, por exemplo, ao policial, detectivesco ou best-seller, por un sinal. O único que se pode aseverar é que nos títulos de formación, os dos primeiros anos (90-99), a narrativa breve é constante que os integra, máis ou menos visibelmente desde o mesmo título: Ártico e outros mares, Diarios dun nómada, Ringside, Mundiños. Microfichas e Manual de instruccións; non esquecemos a súa primeira novela  (O paso do noroeste) nin poderiamos facelo, tan só sinalar que a partir de aí alterna, distancias breves e longas.

Na obra que hoxe nos ocupa esa convivencia volve manifestarse; partindo que que está composta por relatos, estes poden ser máis longos ou máis breves. O mesmo autor, á hora de dar forma estrutural (22+28+16) deixa para o remate os relatos máis breves ou construídos desde a noción de brevidade. E aquí debemos incluír tamén o prólogo, no cal combina explicación e narratividade; amosando unha habilidade técnica que abre as expectativas lectoras anunciando que, no que se refire á calidade e complexidade narrativas se vai apostar por un raseiro moi alto que se irá confirmando a medida que vaiamos pasando páxinas e independentemente de cal sexa a temática -sendo un libro tan extenso renunciamos a establecer clasificación temática, pois o que realmente importa é a calidade da escrita. E é por iso que, unha vez lidos os primeiros relatos, declarei esta lectura como adictiva. Quen ame a narrativa e desfrute do abano técnico que o autor nos ofrece comprenderá perfectamente esta miña decisión.

            66 non é só outro libro de relatos máis, inclusive non é outro libro de excelentes relatos maís. Lembremos que hai dez anos xa publicara 55, como forma de celebrar o seu aniversario. 66 volve ser outra celebracións similar. Unha celebración compartida con lectoras e lectores que, á vez que a agradecemos, xa só pensamos en que este convivio ritual se repita noutra década. En si, este feito, singulariza a Xavier Queipo. A nivel internacional non aparece documentado un feito igual de título-idade sostido no tempo, polo que podemos asegurar que tanto con 55 coma con 66  estamos ante obras que non teñen parceiros en ningunha outra literatura.

Baixando o nivel de esixencia ao deixar fóra o ritual conmemorativo só atopamos tres casos de autorías que escribiran títulos importantes cada dez anos: Antonio Lobo Antunes (Exortação aos Crocodilos, 1996; e Eu He-de Aamar uma pedra, 2006); Alice Walker ( By the Ligth of my Fathers Smile, 1998; e Hard Times Require Furious Dancing, de 2008; e finalmente Philip Roth (The Counterlife, de 1985; e Sabbaths Theater, de 1995)

E non, non hai ningún en castelán.

 

ASDO: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)