Título: Estrita necesidade
Autores: Carlos Negro e Benxamín Otero
Editorial Alvarellos
O líxo sería debater nas seguintes liñas, polo menos de inicio, sobre a relación dos poemas de Carlos Negro co hokku xaponés ou co haikai. E sería un debate interesante por canto moita xente ignora a existencia dos hokku e tamén outra tanta que os confunde. Desde ese puto de vista, resultaría non só oportuno senón estritamente necesario. Porén, despois de ler os poemas de Carlos Negro, é a realción entre estes e a denotación a que máis tira da nosa curiosidade e guiará esta crónica libresca. Malia todo, algo temos que dicir dos kaikai e dos hokku, os primeiros contan cunha estrutura fixa de tres versos de 5, 7 e 5 sílabas, nun total de 17, aínda que existen tendencias a distribuír esas sílabas noutras estruturas. E o hokku, do que no seu día naceu ( desde Masaoka Shiki, s.XIX), non é tan esixente na súa estrutura, é menos limitador e máis proclive á experimentación autorial, sempre gardando o espírito reflexivo, contemplativo, que os caracteriza a ambos.
Dito isto, sérvenos para dar unha imaxe da forma dos poemas de Carlos Negro, que tenden a ser breves ou moi breves, tanto no cómputo silábico versal como na lonxitude poemática. Desde a óptica técnica, resulta unha elección moi acaída e intelixente, pois deste xeito lógrase que o clímax saliente, abale a quen le, e inicie a posterior epifanía. Porque é imposíbel ler os seus poemas sen matinar despois no lido. Por dúas razóns. Primeiro porque os poemas non tratan temas “rebuscados”, senón que dan conta da vida, da vida que foi e está deixando de ser e da vida que é, non se trata de choque xenaracional, ese tópico, senón de recoller esa vida que está deixando de ser, asimilala nas súas compoñentes efectivas e mesmo da épica do traballo humilde, sinxelo. E é neste contexto onde o autor sitúa o verso que nos abale, sorpresivo, epifánico. Que nin ten porque situarse sempre no remate, pode mesmo iniciar o poema, ao seren moi breves estes.
Dixemos que non iamos entrar no debate haikai– hokku. Mais sabendo que o hokku constituía o inicio do haikai-renga, non nos queda máis remedio que sinalar certo paralelismo, dado que se dispoñen poemas de maneira que tematicamente están moi próximos (a forma xa a vimos) e mesmo se pode dicir que forman unha cadea, que uns son hokku do seguintes. Por sinal, o primeiro monllo de poemas vén abixo o rótulo de “caldo”, tematiza aquela vida onde non había restos no prato / só sobras mal aproveitadas (22), logo vén outro sobre o traballo, o traballo humilde, operario. Sempre coa figura do pai presente, orixinario punto desde o cal se producirá deriva, a esculca, afectiva e reivindicadora. Tamén haberá lugar para reflexión sobre o amor, para a caza e o sabor da morte, para a convivencia xeneracional, para vindicaión das mans, desas mans coas que se facía o traballo, duras de bourar arreo, que tamén eran as que daban agarimo, e para chegar a conclusións (que nós non desvelaremos, na medida do posíbel), nesta homenaxe á figura do pai.
Non, no imos desvelar, porén si queremos lembrar estes dous versos: retellar non se pode / se a memoria se ausenta (81),porque dan unha idea ben cabal da orientación temática do poemario. Poemario antecedido e rematado por fotografías de Benxamón Otero, onde as mans teñen protagonismo especial.
Finalmente, digamos que o poemario reflicte a estrita necesidade de saber herdar a vida humilde que precedeu esta dos nosos días, menos natural, máis artificial e mesmo máis virtual que real, na cal a humanidade se macanizou/tecnoloxizou tanto qiue inclusive se torna monótona, e o ritual dos días se repite inmisericordemente, ben lonxe de cando a ritualización da vida a marcaban os ciclos naturais.
Esta, de Carlos Negro, é poesía de vida, vida está marchando, vida que temos a estrita necesidade recoller, non só por amor e fidelidade, senón porque doutro xeito dificilmente poderemos seguir alcumándonos de human@s.
ASDO.: Xosé M. Eyré