máis a propósito de O OBXECTO MULLER E O XIRO ONTOLÓXICO, de Inma Otero Varela, en Euseino?

Porxmeyre

25/02/2022

A MULLER EPISTEMOLÓXICA E A MULLER ONTOLÓXICA

Título: O obxecto muller e o xiro ontolóxico

Autora: Inma Otero Varela

Editorial: Euseino?

Non é habitual que escriba dous textos sobre un mesmo libro. Mais hai circunstancias que me poden. Como neste caso. O obxecto muller e o xiro ontolóxico, entendo que debería ser un libro moi agardado, pois pon a muller ( ou o obxecto muller ) no centro da actualidade filosófica, e isto non se entende sen a súa proxección social. É posíbel que haxa que agardar a que o  tempo sitúe no seu merecido lugar este imprescindíbel contributo de Inma Otero ao estudo da muller. É. Mais non é desexábel, non na miña opinión, pois ese adiamento supón unha perda de tempo,e o tempo ten o valor do ouro.

Quen teña certas prevencións a cerca dos discursos filosóficos, como textos de lectura difícil por consideralos abstraccións nas que é doado perderse, pode ficar descansad@. Este non é o caso. A lectura deste libro resulta doada, entre outras cousas porque clareza expositiva é unha das características que o definen.

Como xa dei conta bastante pormenorizada do contido de O obxecto muller e o xiro ontolóxico, con anterioridade, focalizarei o que vén a continuación e van ler desde un punto de vista, atento sobre todo ao xiro ontolóxico, que procure tamén a meirande clareza desde a premisa expositiva.

Primeiro: Que significa iso do “xiro ontolóxico”? Pois ben. O ser humano vén sendo obxecto de estudo (ou autoestudo) por parte da filosofía e arredores desde que esta existe. Que sucede agora, que hai de novo para que falemos de “xiro”?. Sigan lendo.

Segundo: a muller epistemolóxica. Na construción da identidade do obxecto/ser muller vén sendo moi importante o relato social. É unha definición moi apegada á etimoloxía ( espisteme = coñecemento; logia, de logos = discurso), si, certamente, mais creo que ha ser útil desde a súa simplicidade. Así continuando, na identidade do ser/obxecto muller ten unha importancia capital o relato social no cal a muller era obxecto de minusvaloracións patriarcais: que se as mulleres non serven para isto ou para aquilo, que se o lugar da muller era a casa, que se o destino da muller era satisfacer as esixencias masculinas e ter fillos e crialos e non se meter onde non a chamaban…esas cousas que tod@s sabemos porque aínda aboian so substrato social e non hai tanto tempo que politicamente esa era inclusive a “muller ideal”. É dicir, a denuncia e loita contra esas minusvaloracións do relato social foi e é unha das claves da loita feminina por ter os mesmos dereitos que os homes e a mesma consideración social. Iso no hai quen o negue. Nin tampouco que aínda, a día de hoxe, continúa sedo necesario. Tampouco se poden negar logros, sobre todo se confrontamos a sociedade na que vivimos con outras contemporáneas, mais aínda non abonda, aínda queda moito camiño por andar.

Terceiro: o xiro ontolóxico significa abandonar esas loitas? Non. Para nada. Simplemente dá cobertura filosófica a unha nova maneira de entender a identidade do obxecto/ser muller.

Cuarto: a muller ontoloxíca. Chámolle “muller ontolóxica” porque do que falamos é do ser/obxecto muller desde o punto de vista da ontoloxía máis actual. Ontoloxía: parte da filosofía que estuda as realidades existentes. Aquí, pártese da ontoloxía crítica de Maurizio Ferraris segundo a cal os obxectos (cousas, realidades, entes…) existen fóra do relato, do discurso, social como existen calquera dos outros obxectos (Ollo, isto non nega o relato, o discurso, chamémoslle epistemolóxico, senón que o resitúa): os obxectos naturais, os obxectos sociais e os obxectos ideais. Inma Otero defenderá que a muller é un obxecto social, non natural. Esta teoría de Ferraris compleméntase despois co pluralismo ontolóxico de Markus Gabriel, segundo o cal os obxectos existen dentro dun “campo de senso”, e nese campo de senso ben debemos entender o relato epistemolóxico, o relato social.

Quinto: velaí teñen “o xiro”. Que é xiro porque resitúa, reubica a definición identitaria primaria do obxecto muller. O que antes constituía o “relato epistemolóxico” ou o discurso social que condicionaba a definición do obxecto  muller, agora  é un “campo de senso” ou un dos campos de senso porque existimos dentro de múltiples campos de senso. Un dos principais, e que despois vai estudar a autora, é o do xénero, interesándose tamén pola enmendabilidade dos osbxectos existentes nos campos de senso. Enmendabilidade, é dicir, capacidade para modificar unha concepción dada. O tradicional M e F (maculino/feminino, home/muller) ponse en cuestión xa non só pola existencia de mulleres que adoptan o sexo masculino ou homes que adoptan o sexo feminino…senón porque hai sociedades onde o binomio fica superado e inclusive as novas tecnoloxías lle introducen moitos matices novos. Por certo, o  obxecto muller obxecto tamén será estudado.

Sexto: que o obxecto muller sexa un obxecto autónomo (onotoloxía) non nega, repetimos, os campos de senso en que se manifestan os relatos (epistemoloxía) sociais sobre a muller.

Sétimo: desde agora, os estudos sociolóxicos sobre a muller contan cun marco teórico filosófico en que encadrarse. Ademais, e isto é importante, escrito por unha galega. Xa non é necesario importar desde outras culturas, por próximas que sexan. Cómpre valorizar na súa xusta medida esta grandísima achega de Inma Otero. Van alá para catro meses desde que viu a luz este estudo que entendo debería ser agardado como auga fresca no día máis solleiro, por iso me estraña o silencio a que de momento se ve relegado. Deberíase estar brincando de ledicia.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido