crítica de UN LUME AZUL (Pedro Feijoo, Xerais)

Porxmeyre

18/12/2019

O SÉTIMO CÍRCULO

Título: Un lume azul

Autor: Pedro Feijoo

Editorial: Xerais

Xa lles adianto que esta non vai ser unha crítica doada de facer. Non é por outra cousa senón polo feito de que na presentación editorial non se comenta absolutamente nada do contido temático da novela. É esta unha estratexia editorial que nós non queremos botar por terra adiantando sequera parte do contido, como habitualamente facemos, indicando de onde parte a proposta tramática da novela, por se a algún/algunha lector/lectora lle axuda a decidirse á hora optar por esa lectura en cuestión. Malia todo, tamén é certo que algunhas cousas terémolas que contar, agardando que non sirvan para desvelar o contido da novela. Esta dificultade mesmo atinxe ao título destas liñas, título no que finalmente adoptamos unha das presenzas de fondo da novela de Pedro Feijoo, a Divina comedia de Dante. É certo que a inmortal obra de Dante percorre a novela, aínda que non toda a Divina comedia, aquí non hai o descenso ao inferno dun poeta/escritor na procura da súa amada. Non, o que hai é a referencia ao sétimo círculo do inferno dantesco. O círculo da bestialidade, da violencia ,mesmo da ira. E, como ese sétimo círculo, a novela preséntase dividida en “recintos”, mais, iso si, aquí xa non hai unha correspondencia exacta cos recintos dantescos, quizá o primeiro (claramente) e o terceiro ( se somos abertos de mente), porén o segundo xa é outra cousa. E, para que non nos levemos a engano, ou para reforzar ese fondo tramático á vez que se anuncia, cada recinto vai encabezado por versos da Divina comedia.

                     Mais deixémolo aí, non comentemos máis, aínda que tampouco podemos esquecer que ese fondo tramático serve para “vestir” literariamente a novela. Unha novela que comeza dun xeito absolutamente impactante, que mesmo cabería cualificar como tremendista. Porque a saña, a violencia, a bestialidade, a crúa dureza con que se presentan os cadáveres e como foron/son tratados é absolutamente tremenda. Ora que, sabendo que Ramón Piñeiro tildou de tremendista A esmorga de Blanco Amor xa lles digo que non hai nin punto de comparación –as razóns de Piñeiro para iso non era que foran extraliterarias, era que Blanco Amor propoñía unha estética que el con compartía.

                     Si, nesta primeira parte da novela, neste primeiro recinto, quen lea a novela terá que facer, como vulgarmente se di, de tripas corazón. Porque a crueza é realmente dura e impactante. Paralelamente, como é de agardar en Pedro Feijoo, decorre outro tipo de novela que é a novela policial. Alguén ten que atopar os cadáveres e alguén ten que investigar esas mortes. Esta novela policial estará aí sempre, porque en realidade é a columna vertebral da estratexia novelesca de Pedro Feijoo. Unha estraexia que fai que o  discurso evolucione, mude, se transforme. E así chega un momento en que nos achamos lendo unha novela negra. Mais non unha novela negra calquera que nos traslada aos baixos fondos; esta é unha novela negra que trascende calquera condición social, ou que insire neses baixos fondos a personaxes poderosas, socialmente sinaladas, esas que desde as sombras do poder fáctico son as que controlan a sociedade. Unha novela negra “total”, transversal A sociedade viguesa, claro. Porque Pedro Feijoo sempre escrebe sobre Vigo e arredores. Como aquí.

                     E ben poderiamos quedar con esa denominación, a de “novela negra total” sen demasiados reparos. Porén, non cremos que o autor quixera ficar aí senón todo o contrario. O autor, na nosa opinión, quixo escribir unha novela de suspenso, non adscribíbel a ningún subxénero senón ao propio xénero da novela. Parécenos esta unha opción máis ousada, literariamente máis rica. E, polo que sabemos, Pedro Feijoo sempre se esforzou en querer vestir literariamente as súas novelas coa meirande riqueza. E conségueo, non totalmente, en certa medida, mais conségueo. De querer escribir unha novela negra había escoller referentes nese subxénero concreto, mais non o fixo, escolleu a inmortal obra de Dante.

                     Porque no “debe”, no eixo menos afortunado da novela, que tamén o hai, está a lingua. O autor, sabémolo ben, procura unha linguaxe sinxela, é dicir: unha linguaxe accesíbel a calquera lector, que non esixa un dicionario, por exemplo. O que consideramos un errro. Porque o material co que tarballa o escritor/ a escritora é a lingua, é canto máis rica sexa esta… pois mellor será a creación. Porén, Pedro Feijoo, cando pode escoller, escolle sempre a opción verbal máis parecida á do castelán. Por exemplo: se se emprega a palabra “bodega” non ten moito sentido que inmediatamente despois escribas “adegueiro”. Ou o mesmo pasa cos “dedos dos pés”, que o dicionario da RAG (polo menos a versión en liña) admite aínda que levemos décadas tratando de estabilizar “dedas” como  a opción máis correcta. Por dicilo doutra maneira: se en parte do século pasado se optaba pola escolla lingüística máis diferencial respecto do castelán, aquí pasa todo o contrario. E a isto hai que sumar o feito de tamén apostar por unha onomástica allea, non pola onomástica galega. Iso tamén afea.

                     Do que si pode estar segur@ o lector ou lectora é que vai atopar unha trama aditiva, desas que custa deixar aínda que a lectura ten que facerse en sesións prolongadas, son case 600 páxinas. Niso, Pedro Feijoo é un especialista, sempre é o aspecto mellor traballado. E aquí vólveo conseguir, independentemente de que o discurso gañe ritmo cando xa non son necesarias tantas descricións coma ao principio, que sempre ralentizan. É o mellor da novela, a concepción e desenvolvemento dunha trama evolutiva, que engancha rapidamente a quen le e que nos mergulla en diferentes ambientes vigueses: desde os máis humildes aos máis sofistificados, de xeito que a transversalidade da trama resulta moi efectiva, e por iso. Unha intriga moi ben lograda.

                     Xa dixemos que non iamos develar case nada ou nada da trama. Porén non podemos deixar de indicar que esta casa ben coa actualidade social do momento, algúns dos temas que máis preocupan e escandalizan nos nosos días atópanse aquí, incluída a presenza dun político novo, de barba, e que xa non está en activo mais non custará traballo identificar. E tamén que no remate prodúcese unha especie de “xustiza poética” que fai que entendamos a brutalidade, o tremendismo, inicial e mesmo empaticemos (se iso non é moralmente desaconsellábel) coas personaxes que a levan a cabo.

                     Alén diso, isto podemos dicilo, a trama transcorre no Nadal. Eis pois unha lectura ben axeitada para os días que vivimos. Un excelente obsequio para estas festas, coa seguranza de que non defraudará a quen procure unha trama que o absorba e mesmo que o faga pensar no tipo de sociedade en que vivimos, así de corrompida e sen que iso sexa ningún esaxero.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido