ILLAS, PERSOAS
Título: Illas remotas
Autor: Ignacio Vidal Portabales
A xente, cando ten que explicar a experiencia humana que é vivir, bota man de símiles e símbolos que, en principio, nos fagan máis intelixíbel, máis doado de entender, o caos que significa ir pasando as follas do almanaque a sabendas de que con cada folla se foi outra oportunidade de expresarnos, sermos nós nas nosas potencialidades e atopar a cousa/causa que explica a nosa presenza neste mundo. En moitas ocasións, cando se supervalora o eu, aparece o símbolo da “illa”, aínda máis se esa illa é remota e polo tatnto un eu de difícil acceso. Be, disimulen. Non é este o caso. Estas illas remotas de que lles estou escribindo, si son persoas, mais se son remotas non é polo difícl acceso á súa personalidade, senón porque esas illas comezan sendo dúas cativas, dúas irmás, que, polas cousas que ten a vida e nas que non imos inistir, se vén fóra do seu hábitat natural, nada menos que se atopan en Bogotá, en Colombia. Con este enredo, a novela prestábase para discurso de formación, e, en parte, é discurso de formación, o discurso de dúas cativas que teñen que sobrevivir nun medio estraño, con algunha mais pouca colaboración adulta.
A dicir verdade, unha das mellores cousas da novela é caracterización das dúas cativas, esas personalidades que se saben diferentes mais tamén saben ser complementares, entenderse mutuamente e axudarse; claro está, no que isto sexan capaces de facer dúas cativas, que, por certo, é bastante máis do que @s adult@ agardan ou prevén. A este respecto, o mundo adulto que acompaña as cativas ( a veciña, o pai, como máis salientábeis) o mellor que poden facer é deixárenas soas, cousa que acontece con relativa frecuencia. Ao seu carón hai outra personaxe moi suxestiva: Juan Camilo. Juan Camilo, un cativo que vive nas rúas de Bogotá, un buscavidas que sabe manexarse no confuso mundo das rúas colombianas o suficientemente como para comer, asegurar un mínimo de cartos, e vivir. Como as cativas case non saben nada do exterior do departamento en que viven, Juan Camilo exerce como o seu mentor. Vistas así as cousas estariamos perante unha posíbel revisión dickensiana de dúas pequenas desafortundas, mais non están os tempos para que ningún bondadoso prócer tome a súa educación como obxectivo vital á hora de demostrar que son seres humanos coma calquera. Mais non, Ignacio Vidal Portabales, o autor desta premiada (actual García Barros) Illas remotas, non pretende que a novela se asimile a ningunha (porque hai outros referentes) dos chamados discursos LIX. Finalizada a primeira parte, da que falamos deica gora, verémolo.
Porque sas cativas, esas dúas illas alá no mundo remoto, tamén poden ter o seu correlato aquí, entre nós. E acontece. E cando acontece o menos é o vínculo que una esas dúas cativas que por forza viven en Bogotá, con outras muller, outras illas, que viven aquí, entre nós. Seguramente quen lea procurará eses vínculos, tendemos a facer cousas así cando lemos. Porén, o importante son esas dúas mulleres, esas dúas illas que, malia todo, saben entenderse, saben cooperar, ou cunha fin única ou como método de axudar a outra. Precisamente os diálogos que se establecen entre as dúas mulleres son do mellor da novela, áxiles, consecuentes con cada personalidade, benintencionados sen deixar de ser críticos, proactivos.
O demais, ata que punto as persoas podemos ser illas remotas en certa conexión, iso quen o estableza debe ser quen lea
ASDO.: Xosé M Eyré
(membro da Asociación Galega da Crítica)