crítica de COTODAMINA (Rafa Lobelle, Chan da Pólvora)

Porxmeyre

20/12/2019

Hai agora un ano, máis ou menos, dabamos noticia nestas páxinas de Física elemental, unha edición de autor na cal Rafa Lobelle, unha das voces novas da poesía galega máis actual ( e unha das máis interesantes) partía dos catro elementos (terra, aire, lume, auga) para desenvolver un poemario no que se conformaba como unha das voces imprecindíbeis da poesía actual. E hoxe, un ano  despois, celebramos un novo poemario, este Cotodamina, édito na prestixiosa Chan da Pólvora. Non contamos coas precisosas ilustracións da súa irmá Lucía, mais o autor de Vilameá (Chantada) xa non se ve recluído ás estreiteces divulgativas da edición de autor, co cal de seguro que haberá moit@s lectores/lectoras que o descubran por fin ou que confirmen a súa poesía como do máis interesante que temos hoxe en día. Para comezar diremos que Cotodamina non é un poemario extenso, máis ben é unha plaquette, porén iso non quere dicir que non sexa un poemario intenso, que o é, e moito. Porque, como se pode deducir do título tratáse dun traballo poético moi enraizado na xeografía dos afectos do autor, case se pode dicir que é unha cosmoloxía en pequeno, na que tamén caben as voces interiores, os ecos interiores de voces que sitúan o autor como testemuña da aldea ou mundo rural como algo que foi ( A infancia mídese polo recordo das merendas (8)),  mais que aínda segue sendo, precisamente neses ecos, na lembranza vital, aínda que xa sexa un mundo condenado a desaparecer (Algo que cae e non fai ruído (3) porque, no fondo, tanto o Coto como este Cotodamina non deixan de ser un rito de paso (13).

                     Cómpre, antes de continuar, fixármonos en que o microtopónimo (real) Coto da Mina, ou todo xunto (Cotodamina) garda en si o poder de se referir tanto a algo elevado (coto) e polo tanto fixado nun eixo vertical, como tamén o de conter referencia a algo horizontal, como mínimo, ou inclusive, tamén no eixo vertical, denotando unha dirección cara a abaixo, pois a mina tamén pode ser un aprofundamento na terra. Tamén deste xeito a introspección, o debullar do propio ser nos versos, a autoanálise a que acompaña unha visión de conxunto, coa voz poética formando parte dese rito de paso que é a vida, o instante entre o pasado e o futuro. Só existes fóra da nostalxia (15). Mais iso non quere dicir que o poemario non sexa tamén un exercicio no que se plasma a memoria (vivida ou herdada). Iso pasa cos augardenteiros ( que viñan de Oriente), como pasaba coas merendas da infancia, ou co cultivo do centeo. Polo cal resulta frecuente recorrer a tempos verbais que en principio denotan pasado, mais que tamén poden expresar coinciencia co momento da emisión, da escrita;  ou, polo menos, que simplemente sexa un pasado recente. Como é o caso das castañas, que comeza en pasado e remata en presente.

                     Precisamente unha das habilidades técnicas de Rafa Lobelle consiste en xunguir no mesmo poema descricións (que poden ser valorativas, interpretativas, ou mesmo contrastivas; en todo caso son unha proxección cara a fóra da voz narrativa) coa expresión da propia intimidade. Ás veces de xeito contrastivo, ás veces de xeito complementario, sempre motivo de reflexión que se lle suxire ao lector ou lectora. Porque a poesía de Rafa Lobelle é así. Tende a ser breve, ningún poema supera folla en extensión, todos caben nela e neles a brevidade resulta o máis común. E é nesa brevidade onde estoura todo o entramado semántnico do que vimos falando, que ás veces mesmo racha o verso; o verso non o pode conter e, sen perder contido poético, traspasa fronteiras e vólvese un caudal irrefreábel ou que só couta a extensión física da folla de papel.

                     Dicimos isto a propósito de Cotodamina, que é o poemario que nos ocupa hoxe, mais tamén facelo extensivo, polo que lembramos ao seu anterior traballo poético, de xeito que, como mínimo polo de agora, ben se pode dicir que tamén estamos a comentar as características da expresón poética de Rafa Lovelle. Un Rafa Lovelle que, se ben aseguraba que só se pode existir fóra da nostalxia ( e, polo tanto, fóra do pasado) conclúe o poemario asegurando todo o contrario que só hai pasado (17). Eis pois unha concepción poética como esculca, tanto no interior como no exterior ( ou en ambos proxectándose sobre o  outro), tanto no pasado como no presente e que, se ben é capaz de chegar a certas certidumes (nas que aniña dolor, ou frustración, ou incomprensión, e con moita menos frecuencia, refutación) tamén é certo que ben pode rematar nun novo interrogante, como ocorre cara ao remate.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de COTODAMINA (Rafa Lobelle, Chan da Pólvora)»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido