O BANQUETE DEMOCRÁTICO DE CONXXO EN CLAVE HELENA

Título: Mazarelos

Autor: Manuel Portas

Editorial: Galaxia.

Dise que a novela histórica nunca deixa de estar na moda pois conta cun lectorado moi fiel. Porén, dentro dela debemos distinguir a que só pretende evasión por un lado e por outro a que reflicte compromiso social, se non distinguiramos isto quedaría coxa toda explicación que se dera da novela que hoxe nos ocupa.

Non é a primeira vez que Manuel Portas incursiona no xénero, xa o fixera en 2015 con Loureço, xograr (Galaxia), o cal xa anunciaba  a súa capacidade para escoller momentos históricos que necesitaban de revisión e actualización; neste caso destinado, en primeira instancia, a mozos e mozas de ensino secundario que non dispoñían dunha lectura que contextualizara a Lírica Medieval Galega fóra das propias cantigas. Houbo quen lle chamou “novela de instituto”, mais iso non interfire na súa valía literaria.

Para esta nova entrega focalizou a intriga novelesca na celebración do Banquete Democrático de Conxo. Aquela celebración na cal estudantes servían a comida a artesáns e obreiros non foi un feito anecdótico e curioso senón moi transcendente, xa que aqueles mozos liberais (con Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre á cabeza) estaban situando a Galiza a nivel político europeo. Non se esquenza que a Comuna de París tería lugar en 1871, mentres o Banquete Democrático de Conxo trancorreu en 1856, cando se cumprían 10 anos da Revolución de 1846 que encabezara o xeneral Solís. Do exposto dedúcese a fulcralidade e importancia do Banquete, no cal os discursos enxalzaron as ideas de igualdade, a dignidade do traballo manual e a necesidade dunha nova orde social baseada no recoñecemento mutuo, en sintonía coa idea de “cooperación harmónica” do socialismo utópico.

Unha vez adiantada a temática é hora de comentar os aspectos literarios máis salientábeis sobre os que asenta a novela. Sendo un dos máis importantes á clave Helena. Helena é a autora implícita do que imos lendo. Non se trata dunha autora implícita que “a poteriori” relata os acontecementos da intriga. Falamos da “clave Helena” porque ela vai dando conta do desenvolvemento do discurso segundo o vai escribindo en 2026, alzándose como voz que dá conta das preocupacións e angueiras que o autor real tivo, vai tendo  ou creando segundo vai escribindo (dubidas, certezas, posibilidades, preguntas), mais tamén no seu espazo hai sitio para que as personaxes históricas se manifesten. Alén diso, Helena fai posíbel que a faciana do prisma que corresponde cos feitos acaecidos arredor do Banquete Democrático de Conxo adquiran a pátina suficiente para que a parte histórica da novela sexa convincente.

Deste xeito a novela presenta unha estrutura na cal a parte de Helena aparece trufada entre a histórica. Unha parte histórica que adopta unha forma que lembra moito o diario, o que contribúe para quen le teña percepción de actualización constante, e non só iso:  tamén o feito de que en cada entrada/capítulo se cite a hora exacta dos acontecementos  engade plus de verosemellanza que sempre se agradece moito, ademais do uso de extractos xornalísticos, eis outro dos grandes acertos de Manuel Portas nesta novela. Ao que se debe sumar que convivan  personaxes reais con outra ficticias presentando ambas unha moi a hábil configuración.

A clave Helena tamén contribúe na creación dese clima social enrarecido, desconfiado, espreitante e combativo, da sociedade compostelá co que teñen que lidar os mozos que convocan o Banquete Democrático, onde os estamentos eclesiástico, nobiliar e burgués senten que algo tan simple como que uns estudantes universitarios sirvan a comida a artesáns e obreiros puidera desestabilizar o status quo do poder que detentan. O tira-puxa entre convocantes e opositores nunha cidade tan cativa como a Compostela de mediados do século XIX afecta a toda a xente; Compostela non é nin Madrid nin París, onde o seu tamaño podería diluír os efectos do evento. As rúas compostelás convértense nun ir e vir de cartas e mensaxes entre as forzas opositoras, concertando reunións e outras indicacións sobre as que se tece a arañeira que ten os estudantes e as súas ansias de igualdade e dignidade como albo único

Igualdade e dignidade son dous conceptos moi perigosos, pois moven os marcos e amezaban a correlación de forzas existente. Por iso novelar acontecementos como o Banquete de Conxo non é só actualizar un acontecemento histórico, que sempre é pertinente. Alén diso constitúe a reivindicación da súa verdadeira transcendencia social, humana, moral e  histórica.

Ah, e non lle busquen un “pero”, eu non llo atopei

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)