ABRINDO CAMIÑOS
Título: Véndoche un poema
Autor: Fran Alonso
Editorial: Xerais
Temos na rúa novo poemario de Fran Alonso. Isto representa unha inmensa sorte que quen ame a poesía, a poesía sen fronteiras sobre todo, non debe deixar escapar. A estas alturas a obra poética de Fran Alonso e xa moi consistente e agrupa multitude de títulos. Hai quen distingue poesía para adultos e poesía para @s máis nov@s, eu non, por experiencia, propia e allea, sei que a calquera idade se pode gozar da poesía. Este novo título, Véndoche un poema, édito en colección singular para adultos, ten antecedentes que non se poden esquecer, por sinal os Street Poems, reivindicando os graffitis (ou pintads) como unha nova forma de expresión, tamén poética, e editado en colección para @s máis nov@s. É por dicir un título, a poesía de Fran Alonso sempre se caracterizou por ir abrindo camiños, camiños novos, como tamén fai en Poemas birollos para ler cos ollos, que me permito lembrar como mostra da querenza por explorar o aspecto visual da poesía, necesito lembralo porque o poemario no que imos afondar conxuga poesía e fotografía, ou fotografía e poesía.
E non vén nada mal que isto da poesía visual comezouno un tal Mallarmé, cos seus caligramas. Entón visto como algo excéntrico, unha curiosidade, e hoxe é un clásico. Posteriormente situarei a Fran Alonso na selecta “tradición” internacional que complementa poesía e fotografía. Mais agora, antes de nada, o pertinente é adiantarlles que o poemario está tecido sobre un único tema (saliento isto porque non sempre sucede, tampoco na poesía visual) que neste caso é a publicidade.
O propio autor escribe unhas palabras preliminares, que ninguén debe pasar por alto, onde analiza a relación entre poesía e publicidade, moito máis estreita do que que o común da xente pode imaxinar. Estas palabras preliminares non son un estudo, fondo máis mais contido en extensión, e revélanos outra faciana do prisma: a poesía como plataforma de investigación sobre a realidade social: íntima, pois a publicidade diríxese a nós de forma particular, mais tamén social porque quere chegar a todo o seu “nicho de mercado”, nicho que compartimos tod@s, teñamos ou non cartos para mercar o seu produto.
Ao longo do poemario, Fran demostra como textos poéticos xa foron utilizados en mensaxes publicitarias. Desde Pondal a Walt Whtmann, Esproceda, Cortázar ou Antonio Machado, sen esquecer que Roberto Fogwill, Pessoa ou Maiakovski traballaron como publicistas. Para quen o descoñeza isto pode ser moi impactante, Fran habilitou códigos QR para que eses poemas poidan ser lidos. E, por ende, tamén achega outros, por sinal de Rosalía de Castro ou Amado Carballo, pois terían un uso publicitario moi acaído.
E agora é o momento de comentar sobre a forma, non existe contido sen forma. Neste caso Fran Alonso conxuga fotografía e poesía nas súas páxinas. E deste xeito insírese nunha selecta “tradición” internacionaL, a carón de o “clasico” A Humument (Tom Phillips, 1970), John Baldessari (Ingres & Other Parables, 1972) e Allen Ginsberg (Snapshot Poetics: A Photographic Memoir of the Beat Era, 1993). Xa existen estudos sobre este tipo de integración entre fotografía e poesía. como o de José María Parreño & Vicente Blanco ( Photopoetry 1845–2015, 2016-,) ou Nancy Newhall ( Pictorial Photography and the Poetic Tradition, 1986). Alen diso tampouco se pode esquecer o “Concretismo” brasileiro ( fundado por Haroldo de Campos, Augusto de Campos e Décio Pignatari, década dos ¨50, en São Paulo), sen o cal non se podería entender a Baldessari ou Ginsberg. Esta “tradición” conxuga e integra poesía fotografía nun todo único; aquí, no poemario de Fran Alonso non sempre sucede, o máis habitual é que existan espazos distintos para poesía e fotografía, mais a mesma portada (obra de Xela Alonso Costas) é un bo exemplo de integración, como acontece nalgúns casos despois (“vivir/sorrir/COMPRAR”; “o poema de Yeats”, “crea o teu slogan”, “transformando Vigo”, no resto debemos advertir que non se trata de poemas ilustrados con fotografía (exemplos disto hai moitos e moi variados), pois existe unha interacción moi grande, procurada e nada casual entre as dúas expresións, non se trata só de ilustrar senón de conxugar, de integrar.
Para remate advirtamos o ton e a intención dos poemas, que sempre é crítico, que pode ser humorístico, retranqueiro e irónico; coa pretensión de espir a publicidade, evidenciar as súas intencions, en palabras do propio Fran Alonso.
Sei que este tipo de experiencias poéticas para moita xente son “curiosidades”, “excentricidades” e outras denominacións polo estilo. Non caian nesa trampa, tómeno en serio, moi en serio. Desde aquí, desde a Galiza e en galego, escríbese poesía para o mundo, e Fran Alonso volve demostralo.
E, coma sempre, non merquen só un exemplar, compren tamén outro para obsequiar
ASDO.: Xosé M. Eyre (Membro da Asociación Galega da Crítica)