ENTRE A NARRATIVIDADE E O TEATRO
Título: Bsanda Ebé. A espada de Deus.
Autor: Raúl Dans
Editorial: Positivas
Confésome un afervoado lector e admirador da dramaturxia de Raúl Dans, os seus textos sempre saben emocionar, inclusive desde ao drama ou a traxedia. Quico Cadaval e Cándido Pazó acompáñano no que podemos denominar grupo dos 90, e son bos parceiros, abofé. Sempre dixen que temos unha dramaturxia dun altísimo nivel, e se o grupo dos 90 sucede ao grupo de Ribadavia, temos asegurada a continuidade con autoras como, por sinal, Esther F. Carrodeguas. Porén hoxe de quen temos que falar é de Raúl Dans, dos pouquímos autores prestixiados con dous Premi Born, e a súa chega Bsanda Ebé.
O discurso de Bsanda Ebé reúne formatos diversos ademais do propio teatral, de xeito que constitúe unha viaxe polas marxes xenéricas e se amosa como poliédrico á hora de reconstruír a historia dun mozo subsahariano que remata por integrarse na xhihad. Deste xeito o texto funciona como un caderno de campo no cal Raúl Dans vai integrando aquilo que explica a historia de Bsanda Ebé, orixinario de Nahali e cuxo nome tanto pode traducirse como “Deus habita en ti”, “O destino é implacable” ou “Espada de Deus”. En principio parecen tres conceptos distintos, porén tamén se poden ler de xeito contiguo” Deus habita en ti, o destino é implacable e ti es a espada de Deus”
Adiantamos que todo isto vai desembocar na liña dos atentados que en 2018 sacudiron Europa. En Berlín, Londres, Niza ou Barcelona producíronse atentados que remataron coa vida de moitas persoas, para o cal se utilizaban automóbiles que embestían contra a xente reunida en prazas e lugares públicos moi concorridos. No texto de Raúl Dans tamén sucedeu na Coruña, un 14 de agosto de 2018, no Cantón Grande.
Porén, como chegou Bsanda Embé desde a nativa Nahali á Coruña? Evidentemente Bsanda Ebé fuxíu coa esperanza de chegar á “terra da prosperidade” e desa maneira ter maiores expectativas de futuro, coma tantos outros que fían o seu destino e porvir a entrar en Europa. Na súa travesía cara ao Norte contará coa amizade de Tombulu (“O bo amigo”),e, como é de supoñer, non falta a denuncia das mafias que se lucran deste comercio humano, da desesperación de quen procura un futuro mellor. Nin tampo a da explotación de migrantes en traballos agrícolas, mal pagados e vivindo en condicións lamentábeis, infrahumanas. Neste punto hei de dicir que sempre me admirou a capacidade humana para tentar ser feliz, ou mellorar socialmente, aínda en circunstancias penosas.
Mais volvamos ás cuestións técnicas. Xa mentamos o texto poliédrico, a súa narratividade e como aparece a forma do teatro convencional cando o autor o sente é preciso. Agora engadamos que a ese formato convencional se suma outro, o que ofrece esa narratividade de que antes falamos. E que consiste en que o texto das testemuñas se antepón aos seus nomes; é mais importante o que din que quen son, poderíase pensar, mais non é así porque unha vez lida a mensaxe esta adquire o seu verdadeiro valor e significado ao saber quen é o responsábel da alocución. Alén diso Raúl Dans inclúe uns “Apuntamentos para unha Historia da Xihad”, da autoría de Jean Paul Haftar, e , en nota a pé de páxina, consta a información precisa sobre ese texto. Un texto e un autor dos cales non puidemos certificar existencia real tras procurar nas diversas fontes documentais á nosa disposición, do mesmo xeito que Nahali (orixe do protagonista), sahalawi (lingua) e as cancións nela escritas, ademais do atentado dos Cantóns…
Como resultado temos un texto no cal Raúl Dans se achega ao que Baudrillar chamaba “dramaturxia do simulacro”. Trátase dun dispositivo de falsificación verosímil e aquí aparecerán nomes que van desde o propio Borges a Marco Denevi, mais fóra do rexistro teatral, que quizá pode aliñarse co “teatro posdramático” dun Hans-Thies Lehmann.
Mais abandonemos ese camiño que a quen isto lea pouco pode alumear, aínda que desde a perspectiva crítica sexa ben atraente. Porque o realmente significativo é que Raúl Dans constrúe un texto dramático moi complexo que reflexiona sobre a fe e o fanatismo, á vez que ofrece unha lectura que nunca perde emoción malia sabermos como vai ser o remate, o cal fala da extrema dificultade a que se tivo que enfrontar o autor, nunha estratexia envolvente dupla: a) temos un texto de estrutura circular, b) ese texto atrapa a quen le, ofrecendo emoción e propiciando actos reflexivos.
Como diría Xurxo Souto: MEDRE O TEATRO!
ASDO: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega da Crítica

